manufacture-768209_640

Axudas para autónomos pola contratación indefinida de persoas asalariadas

Normativa:

Orde do 7 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas  a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas (DOG nº 134 do 17/7/2015)


Obxecto:

Convocatoria para o ano 2015 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.


Contratacións subvencionables:

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.


Persoas beneficiarias:

  • Persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
  • As persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
  • Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social.
  • Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
  • Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas establecidas nestas orde as persoas en que concorran algunas das seguintes circunstancias:
    • Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
    • Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
    • Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

 


Requisitos:

Os incentivos serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.

Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permantente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

Será subvencionable a segunda e terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas ou máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, norte, xubilación, incapacidade permanente total, obsoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.


Contía dos incentivos:

  • Primeira persoa traballadora indefinida.
    • a) 4.000 € cando se trate dun home desempregado.
    • b) 5.000 € cando se trate dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
    • c) 5.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
    • d) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada de 45 ou mais anos de idade que sexa parada de longa duración.
  • Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.
    • a) 5.000 € cando se trate dun home desempregado.
    • b) 6.000 € cando se dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
    • c) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
    • d) 7.000 € cando se trata dunha dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.

* Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.


Exclusións:

  • As relacións laborais de carácter especial.
  • Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. *Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
  • As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.
  • As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente.

 


 

Solicitudes e prazos

  • As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2014 e o 17 de xullo de 2015 deberán presentarse as solicitudes no prazo dun mes a contar desde a data da publicación da orde (é dicir, ata o 17 de agosto de 2015).
  • As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde o 18 de xullo de 2015 deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita a subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2015, ainda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

 As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Contáctanos se precisas máis información.